jueves, 22 de marzo de 2007

De Juana... Chao

Parece ser que os grandes gurús dos medios de comunicación e ao mesmo tempo os principais partidos políticos decidiron (non era sen tempo) darnos unha pequena tregua e por fin deixaron de aparecer titulares acerca das medidas penitenciarias de De Juana Chaos.

E a verdade, case é para alegrarse, a ver se a cousa dura e por fin deciden facernos un pouco de caso a estes pobres parvos... Si, xa sabedes... A estes que cada catro aniños estamos indo co papeliño para que eles poidan comer; os mesmos que cada día mercamos o xornal, escoitamos a radio ou vemos a televisión e ao fin terminamos pensando que nos da igual cobrar pouco, que suba a luz, que non haxa medios suficientes nas escolas, se pechan ou non pechan Delphi ou se os cayucos van, veñen ou os senegaleses chegan agora en avións de Air Madrid.

Fin de semana sen manifestación, xa era hora!. A ver se dura, aínda que non sei que faremos sen "manis" agora que xa estábamos tan afeitos, se cadra teremos que voltar a ver fútbol.


Pois iso... De Juana, Chao... E a ver se dura

Arde Galicia no lume electoral

Arde Galicia, no lume electoral... Aínda quedan algo máis de dous meses para a celebración dos comicios que nos devolverán a cargo dunhas cuantas papeletas aos nosos representantes municipais para os vindeiros catro anos pero os primeiros focos xa foron encendidos para irlle dando ao tema un pouco de calor. Coma se "Miediño" José Luis e o "ínclito" Mariano non tiveran abondo coa candea que se dan día si e outro tamén. Agardemos que o que hoxe é lume sexa só en maio unha pouca brasa.
Atrás quedan xa case esquecidos os lumes do pasado mes de agosto cando unha nova vaga de lumes, se cabe aínda máis perigosos, ameazan con deixar asolado o noso panorama de futuro.Tempo de eleccións, tempo de liquidación, xa se sabe. Velaquí o tempo de facer en dous meses todo aquelo que non se fixo en catro anos e así, coa aquiescencia e o beneplácito de Santa Furna Electoral (patroa dos que tentan agarrarse á poltrona) podes percorrer os pavimentados sendeiros da vella Gallaecia de meridio a septentrio e de levante a poniente coa sensación inequívoca de que as nosas estradas teñen neste mes máis parches co capitán Jack Gorrión (Sparrow para os amantes de Chespir).
Benaveturada sexa a carreta de gravilla mesturada coa bendición do divino alquitrán que consegue facer esquecer aos veciños que levan reclamando que se lles arranxe o bache durante toda a lexislatura!.
Non atopo a calcular se o rendemento electoral destas carretillas levadas a destra e a siniestra é realmente relevante, pero se o é... E que nos merecemos todo o que nos pase. Durante anos me queixava eu independentemente de quen fose o meu copiloto da desastrosa paisaxe que amosaba a rotonda da ponte dos tirantes en Pontevedra, aínda piorada polas fortes choivas do outono. Ano electoral, rotonda arranxada.
Semellante situación a que me atopei esta mesma mañá, cando tentando fuxir do espantoso engarrafamento da rúa Poza de Bar - San Lourenzo por mor dos autobuses escolares circuncidei como cada día o pazo do presidente Touriño para baixar polo pequena Rúa de San Paio do Monte. Oh, sorpresa! Aquela rúa abandoada a súa sorte, pequeno e miserento espacio só transitado polos máis ousados que a costa dos amortiguadores dos seus vehículos debido aos tremendos furados (dicir bache aquí si que sería ousado) estaba hoxe recén arranxada, un par de camionetas de gravilla e asunto solucionado. Non se vaia dicir que Don Emilio non coida dos viciños, ea!
Bendito Don Emilio que tras dous anos vivindo no alto do monte todavía non reparara que na parte de atrás do pazo a estrada tiña máis furados ca miña conta bancaria a día vintesete de sexa cal sexa o mes.
E así centos e centos de parches, de remedos caseiros de cinco minutos que podían ter sido feitos no seu momento axeitado mais tan só agora, cando piden o papeliño, lles interesa arranxar.
E se con esto nos convencen de que merecen outra oportunidade para ter outro mandato, mal que nos pese, merecémolo... Que arda Galicia, no lume electoral